Localización

Circulando pola autovía desde Vigo en dirección Ourense, saímos na saída de Cans. Ao final do carril de saída xiramos á esquerda. Ao pouco atopamos unha gasolineira de Repsol, a man dereita (a da man esquerda está abandonada). Pouco máis adiante, despois dunha curva en S, miramos á dereita unha nave azul de camións e o clube Witiza. Collemos a estrada que sae á dereita e pasa por diante de ámbalas dúas construccións. De ningunha maneira podemos pasar por enriba da autovía (se é así e que a cag...). Desde aquí temos 1,5 km ata chegar á altura da canteira. Antes xa empezamos a mirar os muíños á nosa dereita. En fronte da entrada da canteira arranca unha pista de terra onde podemos deixar o coche. Chegamos.
Plantación de frondosas

Podemos dividir a superficie de actuación en tres zonas:
1.- A ribeira do regueiro: raiado en azul e color beige. Vanse plantar especies propias de ribeira. En concreto, 45 freixos, 45 abelairas, 45 amieiros, 25 bidueiros e 79 salgueiros.
2.- Barreira vexetal: os puntos verdes. Vanse plantar especies de folla perenne para protexer o espacio dos camións da canteira. En concreto, 130 acivros, 40 estripeiros (non ten folla perenne pero ten espiñas), 39 érbedos e 193 loureiros.
3.- Fraga : a superficie verde e a zona raiada con árbores. Vanse plantar especies frondosas: 180 castiñeiros, 320 carballos, 50 pradairos, 50 nogueiras, 20 capudres, 60 cerdeiras, 40 acivros e 15 sobreiras.
Por unha cuestión de permisos tivemos que retrasar a plantación e agora, coa primavera adiantada, o tempo bótase enriba. O fin de semana do 1-2 de marzo pensamos facer a barreira vexetal e a vexetación de ribeira. O fin de semana do 29-30 de marzo o resto. Polo medio vanse retirar os eucaliptos que aínda quedan na zona.
Álbum de fotos
Sobre nós | Site Map | Última actualización:
08.12.2008
| Subscrición | ©2008 Asociación Cultural San Martiño de Couso











